hamburger-menu
Paula

Unha peza que deu moitas voltas, na que Paula, estudante de Comunicación Audiovisual, ía combinar material de arquivo con gravacións na contorna familiar e na cidade de Compostela. Finalmente, o material de arquivo anegou o proceso de montaxe, e queda unha peza evocadora que deixa a sensación de que as estructuras familiares son responsables en boa parte dos desequilibrios que sufriría a súa protagonista desde moi nova.

Paula

“Valoro o meu paso polo Laboratorio de Cinema como unha experiencia moi positiva. Eu son estudante de Comunicación Audiovisual e padecín sufrimento psíquico e psiquiatrización en dúas ocasións, polo que a oportunidade de expresarme que se me presentaba era única para min. Dun lado falar de cinema, descubrir referencias, repasar os procesos de ideación e creación dunha peza audiovisual, (que nunca esta de máis), entender a técnica como ferramenta para canalizar a nosa creatividade… Polo outro, vivir a experiencia tan intensa que é unha rodaxe, a través do meu proxecto ou co de outros compañeiros. Mención a parte para o curso de interpretación impartido por Camila Vecco no que exploramos o noso interior a través da creación escénica nun ambiente de total confianza e tolerancia.

 

O curso desenvolveuse ó longo de todo o verán e foi mutando co grupo. Tendo en conta que toda a xente que participaba padecíamos sufrimento psíquico foi habendo momentos de ausencia e incorporacións que se encaixaron de forma moi orgánica e adaptada ós nosos ritmos.

 

Descubrín os vídeos maravillosos e surrealistas de Maya Deren, a tráxica historia de Chantal Akerman, a letanía hipnótica de Jonas Mekas, a sensibilidade de Agnés Vardá… acerqueime ó cine desde un punto de vista máis interesante, sin as presións da universidade senón por pura curiosidade e disfrute, foi un verdadeiro privileixio descubrir autoras desde a perspectiva de Cora.

 

Os exercicios tamén me gustaron e motivaron máis que a universidade, de feito en toda a carreira fanse moitas menos prácticas en proporción que neste laboratorio.

 

Despois de absorver os distintos coñecementos teóricos chegou o momento de propoñer o meu proxecto persoal. Esta parte articulouse a través de titorías e quedadas diversas. Nesta segunda parte todo o grupo estreitou lazos xa que varios de nós xuntos fumos a localizar, axudamos co resto de curtas,… foi unha experiencia moi enriquecedora. Sufrín un proceso creativo complexo, que comezou a finais de agosto con vistas a facer unha gran superproducción e rematei facendo un vídeo experimental con imaxes de arquivo e as voces de miña nai e as miñas amigas. O guión que comecei quedou a medias para dar paso a unha peza completamente distinta. Ademáis durante este proceso revivín as miñas experiencias pasadas e tiven bos e malos momentos que me fixeron sacar conclusións con respecto á miña obra: non quería algo dramático, incluso buscaba o punto cómico, non quería apuntar a ningún culpable ainda que no persoal en ocasións si caia neso e quería sentirme estéticamente representada. Non sei se o conseguín de todo ou non, pero o importante foi a viaxe, todo o que aprendín, a quen coñecín, os bos días que pasei compartindo coas miñas compañeiras,…

 

Por último, comentar o taller de expresión escénica que impartiu Camila Vecco. Entre todas creamos un ambiente fantástico:  cálido, sensible, xeneroso, natural… falamos de cousas moi íntimas a través dos distintos exercicios que nos foi propoñendo e todo fluiu dunha maneira moi cómoda. Non había nada obligatorio, ninguén estivo sola en escea, sempre nos acompañábamos. Falamos do que nos gusta, do que botabamos de menos, do que nos da medo, da nosa infancia… O exercicio que máis me gustou foi o final. Creamos un altar que reflexaba a nosa personalidade con obxectos persoais que nos mandou levar á actividade. De ahí fixemos unha síntese de nós mesmas que cada unha levou a unha pequena peza escénica. Unha vez máis todas colaboramos no de todas, axudamos e compartimos. Do ben que o pasamos botamos todo o resto da finde xuntas, na hora da comida ou na noitiña charlando sobre as nosas experiencias vitais.

 

En conclusión, para min foi unha experiencia moi positiva. Agradezo moito a Cora que nos dese voz e que crease esas sinerxias tan interesantes tendo en conta que a nosa enfermidade é un camiño de soidade e de delegar a nosa liberdade en médicos e familiares.”

Comparte

agromantes-hoja

Comentarios

E agora che toca a ti, comparte as túas opinións.